Web en construcción

Unha solución desenvolvida pola Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Contexto

A forma de entender a medicina evolucionou drásticamente nos últimos anos. Na actualidade, o obxectivo é proporcionar alternativas terapéuticas axeitadas para cada doente, de maneira personalizada, atendendo á súa condición e doenza particular. O coñecemento xerado acerca das características moleculares das células e tecidos enfermos e a capacidade de xerar fármacos capaces de actuar a nivel molecular fronte a dianas moi concretas, grazas á revolución da medicina molecular e a biotecnoloxía, fai que a gran promesa da medicina de precisión, dar o tratamento correcto, no momento correcto, á persoa correcta, sexa cada vez máis unha realidade.

Que propón DIVERSA?

DIVERSA technologies propón como solución un proxecto dirixido cara ao deseño de novos vehículos seguros, fáciles de producir e versátiles, de forma que poidan ser adaptados a diferentes tipos de moléculas terapéuticas (tanto biomoléculas como fármacos) para facilitar a súa liberación, principalmente cando a súa diana se atopa a nivel intracelular e son incapaces de acceder á mesma. DIVERSA enfócase en favorecer a translación á clínica de novas moléculas terapéuticas de alto potencial e con alto valor engadido, en base a unha tecnoloxía patentada baseada en emulsións.

DIVERSA therapeutics céntrase no desenvolvemento propio de novas terapias para satisfacer necesidades médicas non resoltas, coma é proporcionar novas aproximacións para o tratamento de metástasis. O estudo a nivel molecular das células que orixinan a metástasis levounos á identificación dunha nova diana cun papel fundamental no desenvolvemento do avance da enfermidade. DIVERSA therapeutics proponse explorar diferentes estratexias terapéuticas para mudar o curso da metástasis. Outros desenvolvementos centraranse noutras doenzas de alto impacto social e emocional.

Quen somos?

Un equipo multidisciplinar formado por profesionais cunha ampla experiencia no eido da investigación científica e o desenvolvemento aplicado.